Friday, January 19, 2007

19-01-2007. Internacional (Dez crises humanitarias. Nicaragua. Fundamentalismo evanxelista. Busca e captura para os asasinos de Xosé Couso. A wikipedia fai anos).

Médicos sen fronteiras fixo pública por noveno ano consecutivo a súa lista de “as dez crises humanitarias máis esquecidas pola prensa”, lista evidentemente esquecida pola maior parte da prensa, e que nós xa recollimos neste moscón. Din que son crises humanitarias, e certamente sono. No dobre sentido da palabra: Porque afectan a unha parte numerosa da humanidades e porque son causadas por unha parte (menos numerosa) da humanidade. Efectivamente, a pouco que escarvemos veremos como nacen da loita por materias primas (o Congo, por exemplo) ou da desigual distribución da riqueza (tuberculose, desnutrición) cando non da imposición de veciños con ansias de grandeza (Chechenia, Colombia) ou estados que se cren nacións (India, Sri Lanka). En fin problemas humanos que os humanos poderiamos resolver.

Como parece que vai intentar resolvelos, no que ao seu país lle toca, o novo presidente de Nicaragua, Daniel Ortega, que xa anuncia dúas medidas a gratuidade do ensino e da atención médica, necesarias para crear un país máis xusto. Algo se move en Sudamérica.

Mentres tanto, o seu veciño do norte, máis estático malia as aparencias, anda enleado en disputas fundamentais desas que, normalmente, cremos propias doutras zonas. Resulta que os sisudos xuíces de Michigan, un dos estados que compoñen os EUA, acaban de chegar á progresista conclusión de que o adulterio pódese penar ata con cadea perpetua. Ben, en realidade non sempre, só cando vaia acompañado da realización do acto sexual, como podemos deducir deste artigo do Detroit Free Press, pois nese caso serían “dous delictos”: Un, o adulterio en si, que é delicto perseguíbel de oficio polos fiscais dese estado, e outro o acto sexual, que é delicto sempre que coincida coa realización de outro delicto. Si, dan por feito que no delicto de adulterio soe haber un acto sexual, i é que deben ser xente de mundo eses sisudos xuíces. Como se ve, disputas sobre cuestións fundamentais que relacionamos con estes dous moscóns 1 e 2.

Son eses os mesmos EUA que consideran, en palabras de David Couso, uns heroes aos asasinos (¿terei que dicir presuntos asasinos?) de Xosé Couso. Eses heroes para os que o xuíz Santiago Pedraz acaba de dictar Orde de busca e captura.

E para celebrar por todo o alto temos, tamén, o sexto aniversario da Wikipedia. Unha enciclopedia libre, a penas aínda unha nena, que xa compite, gañando, contra as mellores do mundo, demostrando así a gran forza deste proxecto colectivo e público. Esperemos que, a diferencia da nosa república, lle deixen chegar a moza.




Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?